Xaquin Rosales

OSTALGIA - Simona Rota

Jueves, 06 Junio 2013 18:09

Ostalgia

Simona Rota

Ost ['ᴐst], alemán, substantivo: Leste

Algos [álgos], grego antigo, substantivo: dor

Ostalgia é unha serie fotográfica que desenvolvín durante máis de dous anos e que xurdiu a raíz dun traballo de documentación para o Architekturzentrum de Viena. Como fotógrafa formaba parte dun grupo de investigación coordinado polo centro cuxa misión consistía en localizar, rescatar e estudar os arquivos relacionados coa arquitectura promovida pola antiga Unión Soviética nas súas quince repúblicas desde 1960 a 1990; o proxecto recibiu o nome de Soviet Modernism. A serie constrúese como un catálogo subxectivo de edificios monumentais que semellan testemuñar heroicas intencións dun pasado, pero que chegan ata o presente destilando certo optimismo erosionado e certa decepción. Construídos para seren iconas do triunfo e do progreso, foron cómplices da propaganda política dentro da dinámica lexitimadora dun réxime totalitario: casas da cultura dos sindicatos, casas de cultura dos pioneiros socialistas, pazos dos obreiros, pazos de Lenin, circos e pazos de deportes, museos e mausoleos…

[...] «Ninguén podía confíar en ningúen», son as palabras que meu pai, Teodor Kurz, utiliza a miúdo para describir a atmosfera que impregnaba o día a día na República Socialista Rumana (RSR). Nembargantes, as fotografías que el tomou na Rumanía das décadas de 1970 e 1980 transmiten algo moi diferente á desconfianza; transmiten mesmo felicidade. Cálidas e con cores vivas, mostran xentes que semellan vivir unha vida de benestar. Dentro do ritmo monótono no que discorre Ostalgia, os fragmentos que tirei do arquivo fotográfico do meu pai, que a súa vez forman parte da miña biografía, irrompen cun ritmo distinto, vivo. Cal dos dous ritmos é o ruído e cal é a música? De verdade que eramos felices, pai? Ou, pola contra, mimamos todos unha ficción do benestar? Pódese ser feliz sen liberdade? Pode darse unha vida privada chea en ausencia de vida pública? Pode alguén ser feliz aínda sabéndose rodeado de límites, mentiras e ameazas? Que pasaría se non existira a Revolución Rumana e eu seguira vivindo nun sistema pechado? Podería chegar a ser feliz? Boto de menos vivir na RSR? Botamos de menos a URSS?

— Simona Rota

http://www.simonarota.es

Texto extraido de www.fabulatorio.org

 

Artículos relacionados (por etiqueta)