Xaquin Rosales

Fomos ficando sos

Domingo, 04 Noviembre 2012 19:46

“Fomos ficando sós” amosa a persoal visión do mar de trece fotógrafos.
O poema “Sós”, de Manuel Antonio, está na base da exposición fotográfica que onte se inaugurou en Exponav e que permanecerá neste privilexiado espazo ata o 21 de Decembro.

Un total de 13 creadores achegan a súa visión máis persoal do mar en “Fomos ficando sós”, con total liberdade, proporcionando unha viaxe heteroxénea e simbólica por un elemento tan presente na vida da cidade. Praias, barcos, peiraos, animais e xentes mestúranse en atmosferas bretemosas, en caixas de luz ou en imaxes tan nítidas que semellan pinturas. Branco e negro e cor, imaxe e palabra, fotografías únicas e series, e variedade de tamaños conviven nun proxecto comisariado por Carolina Martínez e Vítor Nieves.
A propia Carolina Martínez participa na mostra, xunto con Tono Arias, José Romay, Carlos Puga, Luís Barreiro, Jorge Meis, Nachok, Xaquín Rosales, Santi R. Gavín, Esther Míguez, Manuel Martínez, Eduardo Pérez Gil e Víctor Rivera.
“Para encher este espazo necesitabamos algo que falara do mar e Vítor Nieves elixiu o meu poema favorito para facelo desde un punto de vista poético”, comentaba Martínez na inauguración. “Así convocamos a diferentes artistas e a poética do mar que buscamos está reflectida dun xeito moi especial”.
“Fomos ficando sós” forma parte do Outono Fotográfico, unha mostra que abrangue xa toda Galicia e incluso outros países e que este ano, en plena reestruturación, conta por primeira vez cunha responsable de área: Carolina Martínez. Dentro desta programación para Ferrolterra incluíase “Ferrol Cara B”, que se proxectou no Torrente Ballester o 26 de outubro. Nas próximas semanas verase “Pano de Fondo” en Novacaixagalicia (a partir do 22 de novembro) e, en Pontedeume, “A Diario”, de Fran Nieto e Anabel Viñas, e “Entre lo divino y lo humano”, do colectivo Posición B. Esta localidade leva anos organizando mostras fotográficas en novembro que despois inclúe no catálogo do Outono.
Quérense manter estas propostas en vindeiras edicións e, de feito, a Autoridade Portuaria, un dos patrocinadores do Outono, xa se comprometeu a albergar exposicións nas súas salas.

Fuente: Diario de Ferrol, m.j.r.

Artículos relacionados (por etiqueta)